Retorno ao pasado de Jacques Tourneur


TÍTULO ORIXINAL: Out of the past.
NACIONALIDADE: EE:UU., 1947.
DIRECCIÓN:  Jacques Tourneur.
PRODUCCIÓN: Warren Duff. PRODUCTOR EXECUTIVO: Robert Sparks. ARGUMENTO: Da novela “Build my gallows high” de Geoffrey Homes. GUIÓN: Geoffrey Homes (Daniel Mainwaring). FOTOGRAFÍA: Nicholas Murusaca.
MONTAXE: Samuel E. Beetley. MÚSICA: Roy Webb.
DURACIÓN: 97 minutos.
INTÉRPRETES: Robert Mitchum (Jeff Balley), Kirk Douglas (Fred Sterling), Jane Greer (Cathie Moffett), Rhonda Fleming (Meta Carson), Steve Brodie (Jack Fisher), Richard Webb (Jim), Paul Valentine (Joe Stefanos), Virginia Huston (Ann Miller), Ken Niles (Lloyd Eels), Dickie Moore (The Kid), Oliver Blake (Sr. Tillotson), Lee Elson (O policía), Frank Wilcox (Sheriff Douglas), Tony Roux (Joe Rodríguez), Theresa Harris (Eunice).

A MALDADE CHÁMASE CATHIE MOFFET

Para moitos Retorno ó pasado, 1947 é a mellor película de cine negro, o que é moito dicir se temos en conta que a este xénero cinematográfico xenuinamente americano se adscriben cintas como O falcón maltés, 1941; O soño eterno, 1946; Ao roxo vivo, 1949; A xungla de asfalto, 1950 ou Sede de mal, 1958. Sexa coma fora é certo que nos atopamos ante unha obra mestra, asinada por un realizador certamente menosprezado e ó que cómpre reivindicar, valorar a súa capacidade para interrogármonos sobre as máis profundas pulsións do ser humano, para construír personaxes desgarradores, apaixonados, atormentados que tocan a fibra sensible de todos aqueles que teñen algo máis que unha simple unidade de bombeo no medio do peito.

Autor de filmes como A muller pantera, 1942 ou Eu andiven cun zombie, 1943; Jacques Tourneur conta cunha brillante filmografía ás súas costas, non en termos de éxito comercial, nin ao manexo de grandes orzamentos á hora de rodar, pero si en canto á valoración actual que da súa obra se está a facer, e que levou á crítica a ver nela unha das carreiras cinematográficas de maior valor no Hollywood dos anos 40-50.

Retorno ó pasado, 1947 narra o reencontro do ex-detective Jeff Bailey, retirado nunha pequena vila de Nevada e a piques de se casar coa súa noiva Ann Miller, con Fred “Whit” Sterling un xogador para o que tivera traballado no pasado. Este encárgalle que atope a súa amante, Cathie Moffet que fuxiu roubándolle 40.000 $. Bailey da con ela en Acapulco, pero sentíndose atraído pola moza, deciden escapar xuntos. O socio de Sterling, Jack Fisher non disposto a perder cartos, busca e encontra á parella, chantaxeándoos con avisar do seu paradoiro ó gánster si estes no lle entregan o diñeiro roubado. No enfrontamento que se produce Cathie mata a Fisher e fuye deixándolle o morto a Bailey. Despois de ocultar o cadáver Jeff volta á vila xunto a súa noiva.

O tempo pasa e cando Jeff está a piques de refacer a súa vida, de novo o pasado chama a súa porta na figura de Fred Sterling que ten de novo ó seu carón a Cathie e que finxe esquecer a traizón de ambos, encargándolle un novo traballo a Bailey.

A película é unha mirada chea de fatalismo sobre a vida dos seres humanos ós que o pasado condiciona o presente e lles impide realizar seus plans de futuro. Este thriller escarva no máis fondo da condición humana e amósanos o malvado e retorcido que pode ser este ser humano para cos seus conxéneres.

Coma en todo filme de cine negro que se prece, a través dun ritmo cargado de vitalidade e dunha atmosfera inquietante, Tourneur pon diante de nós unha colección de personaxes ambiguos dos que non coñecemos nada e o sabemos todo: detectives sarcásticos, gánsters sen escrúpulos, prostitutas, asasinos, chantaxistas e como non, unha moza de beleza directamente proporcional a súa maldade, que é quen de volver tolo ó máis pintado e da que nunca sabemos o que pensa realmente tendo seu contrapunto na rapaza honrada que quere rexenerar ao protagonista a base de bondade e certas doses de inxenuidade, pero desarmada ante a presencia sensual da vampiresa que fai inevitable a destrucción do seu amado.

Fotografada magnificamente por Nicholas Musuraca, con un claroscurismo case que expresionista característico destes filmes; este operador que comezou traballando en películas mudas nos primeiros anos vinte, colaborou con Tourneur en A muller pantera, 1942 e en outros films coma A pegada  dun recordo, 1943 ou A gardenia azul, 1953 de Fritz Lang.

A novela de Geoffrey Homes “Build my gallows high” de 1946 é a base sobre a que se constrúe este thriller que estaba destinado para Humphrey Bogart –o escritor admiraba moito ó intérprete norteamericano e así o protagonista das súas novelas tiña o nome de Humphrey Campbell, de máis que claras similitudes fonéticas co actor- pero que producido porla RKO pasou a ser confiado a Robert Mitchum no seu papel protagonista, que lle deu ese aire descoidado e socarrón que caracteriza súas actuacións e que ten en Jane Greer  seu contrapunto. Trátase ademáis da segunda película dun moi novo Kirk Douglas, completando así un trío protagonista que fai deste filme non só “… una película que aguanta moi ben o transcurso del tempo” en palabras do propio director senón un magnífico traballo que toda persoa que aprecie o bo cinema saberá valorar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s