Sunset Boulevard de Billy Wilder


TÍTULO ORIXINAL: Sunset Boulevard.
NACIONALIDADE: EE.UU., 1950.
DIRECCIÓN: Billy Wilder.
PRODUCCIÓN: Paramount Pictures. PRODUCTOR: Charles Brackett. 
ARGUMENTO: Basado na narración “A can of beans”, de Charles Brackett e Billy Wilder.
GUIÓN: Charles Brackett, Billy Wilder e D.M. Marshman Jr. FOTOGRAFÍA: John F. Seitz (B/N). MÚSICA: Franz Waxman e a “Danza dos sete velos” de Richard Strauss. MONTAXE: Arthur Schmidt e Doane Harrison. DIRECCIÓN ARTÍSTICA: Hans Dreier e John Meehan. DECORADOS: Sam Comer e Ray Moyer. VESTIARIO: Edith Head. MAQUILLAXE: Wally Westmore.
                                                           DURACIÓN: 111 minutos.
                                                           INTÉRPRETES: Gloria Swanson (Norma Desmond), William Holden (Joe Gillis), Erich von Stroheim (Max von Mayerling), Nancy Olson (Betty Schaefer), Fred Clark (Sheldrake), Jack Weeb (Artie Green), Lloyd Gough (Morino), Cecil B. De Mille, Hedda Hopper, Buster Keaton, Anna Q. Nilson, H.B. Warner, Jay Livingstone, Ray Evans, Sidney Skolsky e Berenice Mosk (eles mesmos).

 O CINE DENTRO DO CINE

         Obra mestra sen paliativos, Sunset Boulevard fálanos do cine desde dentro do cine, fálanos das xentes que integran o universo cinematográfico hollywoodiense, dos estudios e das antigas estrelas da época silente do celuloide que loitan, desesperadamente, contra o tempo e o esquecemento, e das que Norma Desmond –trasunto da propia Gloria Swanson retirada do cine dende 1932- é exemplo paradigmático.

Billy Wilder constrúe coa súa peculiar visión da realidade chea de sarcasmo e amargura, un filme sobre a fascinación do cine e o seu mundo pechado, paralizado no tempo que constitúe quizais a mellor película que se ten feito sobre a Sétima Arte. A través dun narrador omnisciente, que o é por ser protagonista do que narra e estar ademais morto, anulando deste xeito calquera posibilidade de final feliz; Wilder enceta polo final e debulla a vida do Hollywood dos 50, através dunha vella actriz, millonaria e paranoica, que vive evocando o seu pasado e soñando con volver a ser a grande estrela que fora. Tanto para esta coma para os seus coetáneos –figuras de cera ós ollos de Gillis- o cine deixara para sempre de ter a grandeza de antano.

Wilder realmente é un narrador de historias máis que director de cine, e coma guionista emprega a sucesión de planos coma canle expresiva redescubrindo ese mundo a través da mirada de Joe Gillis, guionista fracasado e “acompañante” da diva que nos mostra un Hollywood que nin el mesmo pensaba que existía. Algúns personaxes chegan a manter actitudes que rozan o esperpento, caso do papel interpretado por Erich von Stroheim que expulsado coma director da derradeira película de Norma Desmond pola propia actriz, decide quedar ó seu carón servíndoa coma maiordomo –realmente iso mesmo lle aconteceu ó director alemán con Gloria Swanson na rodaxe da Raíña Kelly, 1928- algo que exemplifica a vida de tantos directores europeos, mentores de actrices, obscurecidos pola grandeza posterior das súas pupilas, caso de Stemberg con Marlene Dietrich ou Maurice Stiller con Greta Garbo.

A película tamén supón unha homenaxe ó cinema coma manifestación artística na que os europeos –basta con mirar a ficha técnica da película- tiveron unha parte primordial. Hollywood, é certo, converteu o cinema nunha grande industria, na fábrica de soños que é hoxe en día pero a cambio de emprender un camiño sen retorno cara á mediocridade; o cinema coma arte, como vehículo expresivo ten súas raíces máis fondas en Europa –excepcións a parte-, de aí a influencia do expresionismo alemán que Wilder coñeceu de primeira man na fotografía da película, no tratamento do barroquismo da decadente mansión da estrela e no magnífico vestiario da non menos magnífica Edith Head. A música axuda tamén a potenciar o patetismo dalgunhas esceas, o tango ó son de La Cumparsita que bailan os protagonistas afonda no idea do paso do tempo;  que é  precisamente o tema da película, ese tempo que destrúe o que temos pero tamén o que poderiamos ter.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s