La caza de Carlos Saura


TÍTULO ORIXINAL: La caza.
NACIONALIDADE: España,1965.
DIRECCIÓN: Carlos Saura. PRODUCCIÓN: Elías Querejeta. GUIÓN: Carlos Saura, Angelino Fons. ARGUMENTO: Carlos Saura.
MÚSICA ORIXINAL: Luis de Pablo.
FOTOGRAFÍA: Luis Cuadrado. MONTAXE: Pablo G. Del Amo. OPERADOR DE CÁMARA: Teo Escamilla.
DURACIÓN: 93 minutos.
INTÉRPRETES: Ismael Merlo (José), Alfredo Mayo (Paco), José María Prada (Luis), Emilio Gutiérrez Caba (Enrique), Fernando Sánchez Polack (Juan), Violeta García (Madre), María Sánchez Aroca (Carmen).

 O HOME É UN LOBO PARA O HOME

Carlos Saura posúe unha das carreiras cinematográficas máis interesantes do cinema español. Dende os seus primeiros títulos como Los golfos, 1954 seleccionada por el Festival de Cannes o La caza, 1965 Oso de Plata en Berlín, pasando por Peppermint frappe, 1967 e Cría cuervos, 1975 Oso de Ouro e Premio Especial do Xurado en Cannes respectivamente, o director aragonés déixanos un obra que foi capaz de poñer de acordo a crítica e público.

La caza, 1965 reúne a moitos dos profesionais do cinema español dos derradeiros anos do franquismo e primeiros da democracia, que favoreceron un xiro de calidade na nosa cinematografía e a ruptura con temáticas rancias propias dunha España que afortunadamente se estaba a diluír. Elías Querejeta productor dalgunhas das mellores películas do noso cinema, xunto a Luís de Pablo na música ou Luís Cuadrado na fotografía, sen esquencer ó operador Teo Escamilla, presentes neste filme, apareceran noutras importantes películas dese momento coma El espíritu de la colmena, 1973 de Víctor Erice o en El sur, 1983 do mesmo realizador.

Nesta obra de Carlos Saura nárrase a saída de cacería dun grupo de amigos acompañados polo xenro dun deles a un coto de caza, onde paseniñamente o que debía ser unha xornada lúdica baixo o sol do verán de Castela, convértese nun auténtico inferno, onde as paixóns máis baixas afloran, onde a antiga amizade tórnase en algo ficticio e onde cada un dos protagonistas vai mostrando sentimentos encontrados coma a carraxe ou a envexa que rematan nunha auténtica cacería ó home, facendo válido unha vez máis o pensamento que Hobbes definira no século XVII de que “o home é un lobo para o home”.

A través dos seus pensamentos que só escoita o espectador, o que contribúe a acercarnos a cada un deles e ó seu xeito de ser, coñecemos a opinión que teñen os uns dos outros; sabemos máis do pasado, das contas pendentes entre eles a través destas evocacións que polas súas conversas ou polo que poida averiguar Enrique, o xoven xenro de Paco. Ámbolos tres foron socios, cada un precisou do outro nalgún intre e o resquemor que xurdiu entre eles oculto baixo unha roupaxe de amizade que se empeñan en manter coma se fose o único que os une á realidade fará que se desencadee a traxedia. Todos fican atormentados polo paso do tempo e cada un exorciza os seus medos ó seu xeito: Paco recordándolles ós seus compañeiros a súa boa posición económica froito do traballo e o sacrificio; José dono do coto onde cazan e afeito a mandar mais arruinado en realidade, deixando á súa muller e encetando unha relación cunha moza coñecida dos tres; Luís refuxiándose na bebida tras de ser abandonado pola súa; sendo testemuña muda do peor da condición humana o xoven Enrique.

O filme posúe intres que nos aproximan a certo afán documentalista do director, cando os protagonistas falan cara á cámara explicando as súas impresións e experiencias ó redor ca caza, algo que nembargantes, non afecta á estructura argumental do mesmo. A música, por outra banda tamén convértese en vehículo expresivo clave na película; coma di un dos protagonistas ó comezo desta, o coto de caza atópase nun antigo campo de batalla da Guerra Civil e isto semella reafirmalo o son dos tambores que se escoita cada vez que se alude á guerra e que anticipa os terribles acontecementos posteriores, mediante un ritmo de marcha militar que contribúe a recrear unha atmosfera opresiva. Esta atmosfera irrespirable non só é patrimonio da ficción cinematográfica senón que pertence á realidade da rodaxe, de grande dureza segundo as propias palabras do realizador, o que esixiu un esforzo suplementario por parte dos actores –magníficos en liñas xerais, aínda que cómpre destacar que son Ismael Merlo e José María Prada os que nos ofrecen as mellores interpretacións- que sufriron as consecuencias dun traballo nun páramo preto de Madrid, nos meses de xullo e agosto baixo altísimas temperaturas.

O resultado de todo é un grande filme que contribuíu a cimentar o prestixio de Carlos Saura, non só en España senón fóra das nosas fronteiras.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s